Teis é un barrio da cidade de Vigo, situado nas abas do Monte da Guía e do Monte da Madroa.
Trátase duns barrios históricos de Vigo. Teis alóngase dende o comezo da rúa Sanjurjo Badía ata a parroquia de Chapela (xa lindante co concello de Redondela) de oeste a este e dende a beiramar, en Guixar, ata a Travesía de Vigo de norte a sur. O barrio de Teis espállase por uns 5,80 quilómetros cadrados costeiros e ten unha poboación duns 25.000 habitantes.
O barrio artellouse arredor do Mercado de Abastos situado no lugar do Toural e consta dun casco urbano antigo practicamente desaparecido e unha aglomeración urbana caótica e desordenada en torno á avenida de Sanxurxo Badía que divide o barrio en dúas metades.
A súa orografía é ben complicada e está atrapado entre a beiramar e o voluminoso monte de A Madroa. O barrio, deitado nesta estreita franxa, presenta un elevado gradiente de desnivel pois pasa do nivel do mar ós 350 metros de altitude de A Madroa en escasos quilómetros. O Monte de A Guía que descende ata o mar ten 100 metros de altura.
Historia
No barrio de Teis atopáronse restos paleolíticos (bifaces) que datan a presenza de grupos de colleitadores e cazadores no zona. Non obstante, descoñécese exactamente cando se asentou permanentemente a poboación no lugar. Sábese de asentamentos castrexos (romanizados coma o da Guía) e romanos no barrio. Durante os anos 1950, atopáronse restos romanos, entre os que salienta unha prensa de aceite que probablemente pertencía a unha villa romana localizada precisamente nun lugar chamado hoxe en día a Oliveira. Os primeiros datos históricos conservados son de 1145 d.C.
Orixinariamente, Teis foi un barrio de pescadores localizado en Guixar e dende hai estendeuse rapidamente pola faldra do Monte de A Madroa. Pronto o lugar foi ocupado por astaleiros de barcos de madeira e outras manufacturas do mar. Aínda hoxe, malia o avance descontrolado das edificacións, poden atoparse loxas derruidas onde se acubillaban aqueles astaleiros. Son casas e obradoiros construidos durante o século XVIII e XIX. Teis sufriu o embate da flota do lexendario pirata Drake no século XVI e foi asolado.
Progresivamente, Teis foi abranguido por Vigo perdendo toda posibilidade de crecemento autónomo. Converteuse axiña unha barriada obreira e mariñeira. Durante o crecemento da cidade de Vigo ó longo do século XIX e XX, Teis foi o barrio ó que acodían en aluvión os emigrantes procedentes maioritariamente de Ourense e, en menor medida, de León, que chegaban á cidade. Así, por exemplo, en 1914 construíuse o tranvía que unía Teis e Chapela con Vigo, co obxectivo declarado de transportar os traballadores ata Vigo.
No século XX a franxa litoral de Teis foi invadida polos astaleiros entre os que cabe salientar Vulcano, aberto en 1940 e dedicado principalmente á construción de buques pesqueiros. Tamén naceu, na aba do Monte da Guía o arrabal marxinal de Vichita.
Durante un breve período no ano 1936, Teis acadou a condición de concello segregándose do concello de Lavadores. Non obstante, a finais de 1936 foi restituído a Lavadores. Precisamente, Teis, xunto a Lavadores, foron os derradeiros reductos de resistencia ó golpe de estado de 1936, o cal orixinou en ambos barrios unha forte represión que duraría toda a guerra e gran parte da posguerra.
A progresiva proletarización do barrio converteuno en foco das loitas obreiras contra o franquismo. Acosado pola crise de petróleo de 1972 e polo previsible fin do franquismo, xurdiron diversas organizacións de xénese marxista-leninista que se enfrontaron durante contra o réxime. Os GRAPO, Organización Obreira (OO) e outros sindicatos ilegais contaban con afiliados no barrio e influían poderosamente sobre os traballadores do metal. Algúns dos militantes clandestinos coma Moncho Reboiras, Abelardo Collazo e o seu irmán Anxo, Alonso Riveiro ou Xosé González (Pepiño), vivian ou traballaban en Teis. Aberlardo Collazo e Alejandro López Vilas crearon a Asociación Cultural de Teis por eses anos.
Deporte e Ocio
Conta Teis con clubes de fútbol como o CF Teis, A Guía e o Travesía, a parte de outro clubes deportivos, e hasta non fai moito tempo existía un salón de baile chamado Buenos Aires, que tomaba o nome da rúa no que estaba situado, hoxe existe nese local unha carpintería.
Coa chegada da restitución democrática, a loita obreira amainou no seu sentido político. Así e todo, continuou a conflitividade laboral. Os astaleiros de Vigo, e entre eles, Vulcano, sufriron unha dura reconversión ordenada en 1982 polo goberno dirixido polo PSOE. As protestas e manifestacións repetíronse no barrio durante anos. Finalmente, pouco se conseguiu e os asteleiros de Teis foron practicamente desartellados e dende aquela tratan de sobrevivir, pasando épocas mellores e peores.
Todas estas reinvindicacións, tanto durante o franquismo como durante a restauración borbónica, crearon no ánimo dos habitantes de Teis o convencemento de seren un barrio marxinado e esquecido. Esta soterrada conflitividade estoupou violentamente cando o Concello de Vigo ordenou, en contra do parecer dos veciños e de algúns intereses políticos, a instalación dunha planta compactadora de lixo no peirado de Guixar. Era 1994 e pronto o conflito volveuse nunha revolta veciñal que se prolongou durante meses e que provocou unha forte represión policial que espertou nos veciños o recordo de tempos pasados. Finalmente, a revolta desgastou o prestixio do goberno local sobre todo do PSOE e trouxo ó goberno municipal ó PP, partido que prometeu retirar a planta compactadora. Esta promesa nunca se cumpriu.
Infraestruturas e urbanismo
Teis é un exemplo perfecto da peculiar urbanización que sufriu o territorio galego. Malia estar plenamente integrada no casco urbano da cidade máis populosa de Galicia, Teis conserva trazos dunha lonxana orixe rural e mariñeira. A carón da modernas edificacións e de vías públicas tan importantes no territorio como as liñas férreas e as autoestradas A9 e Rande Puxeiros, conviven vivendas unifamiliares, minúsculas explotacións agrarias, leiras e hortas, chalets e descampados. A zona de Guixar, por exemplo, non contaba con sumidoiros ata finais da década dos 1990. Ademais, o barrio, principalmente a rúa Sanjurjo Badía, sufre un intenso tráfico tanto de turismos coma de camións por ser ruta cara a Pontevedra asi como a ubicación de zoas industriais na súa costa (e todo o eixo atlántico). Sanjurjo Badía está considerada unha das rúas máis ruidosas, por mor do tráfico rodado, tanto de Galicia como de España.
Espazos naturais e arquitectónicos
Antes de pasar os espazos naturais é bo destacar o mosteiro das Salesas Reais, sorprendente obra do arquitecto Antonio Palacios.
Teis tamén conta con áreas verdes moi importantes e nalgún caso conservadas nun estado semisalvaxe. No barrio poden visitarse a centenaria carballeira da Guía, o parque da Riouxa deseñado polo arquitecto Ricardo Bofill, o parque da Madroa cun inmenso piñeiral (e exemplos de sobreiras, carballos, bidueiras e castiñeiros), etc. Teis tamén ten algúns dos miradoiros máis fermosos sobre a Ría de Vigo coma a ermida do Monte da Guía, o faro situado no mesmo monte ou o Monte da Madroa.
En cambio, o litoral de Teis está practicamente perdido. Dende mediados dos anos 1990, diversos colectivos reinvindican a recuperación e conservación dos escasos areais que aínda perduran. O resto de litoral de Teis xace baixo recheos e peiraos, principalmente o peirao de Guixar construído a finais dos anos 1980 e actualmente infrautilizado. A única e máis sonada praia do barrio, A Punta, desapareceu a finais de 1990 logo da polémica construción dun paseo marítimo.
Hoxe San Salvador de Teis é unha parroquia do concello de Vigo que limita coas parroquias de Candeán, San Paio, San Xoán Do Monte e Vigo Centro e que pertence ó arciprestado de Vigo-Teis. Ten 6 entidades de poboación e 35 lugares. As súas entidades de poboación son: A Mouta, A Paradela, O Paraixal, A Presa, O Pugariño e Rorís. Teis foi sempre un barrio de marcado carácter obreiro e a súa poboación rolda os 30000 habitantes. Entre os seus maiores atractivos salientan as praias da Lagoa e da Punta. Ademais, dentro de Teis aséntase gran parte do porto comercial de Vigo. As súas festas principais teñen lugar a primeira semana de Agosto: A nosa Dona da Guía (5 de Agosto) e San Salvador de Teis (6 de Agosto).
domingo, 1 de junio de 2008
Suscribirse a:
Entradas (Atom)